• Inicio
  • Quen Somos
  • Servizos
  • Divulgación Cooperativa
  • Documentos
  • Publicacións
Divulgación Cooperativa
  • Qué é unha Cooperativa
  • Os Principios Cooperativos
  • Tipoloxía das Cooperativas
  • Asociacionismo Cooperativo Galego
Menú
  • Ligazóns
  • Asociadas
  • Novas
  • Área Socias
  • http://coopmunicando.info/

PostHeaderIcon Tipoloxía das Cooperativas

As cooperativas traballan para conseguir o desenvolvemento sostido das súas comunidades mediante políticas aprobadas polos seus socios-as.Segundo a Lei de Cooperativas de Galicia - LCG - establécese a seguinte clasificación:

I. Cooperativas de 1º grao.
II. Cooperativas de 2º grao.

I. As cooperativas de 1º grao son:

  • cooperativas de traballo asociado.
  • cooperativas de consumidores-as e usuarios-as.
  • cooperativas de vivendas.
  • cooperativas agrarias.
  • cooperativas de explotación comunitaria da terra.
  • cooperativas de servicios.
  • cooperativas do mar.
  • cooperativas de explotación de recursos acuícolas.
  • cooperativas de transportistas.
  • cooperativas de seguros.
  • cooperativas sanitarias.
  • cooperativas de ensino.
  • cooperativas de crédito.
  • cooperativas de integración social.
  • cooperativas de servicios sociais.

As máis salientables dentro desta clasificación son as cooperativas de traballo asociado, de servicios e de consumidores-as e usuarios-as. Poderíamos dicir que o resto redúcense a algunha delas aplicada a algún sector de actividade en concreto. Por exemplo, unha cooperativa de transportistas é unha cooperativa de servicios no sector do transporte.

II. As cooperativas de 2º grao son:

As que asocian a dúas ou máis cooperativas que se unen para garantir ou facilitar as actividades empresariais para a consecución do seu obxecto social, así como para o cumprimento e desenvolvemento de fins comúns de orde económica, para a colaboración económica.


Cooperativas de traballo asociado.
Estas cooperativas asocian a persoas, naturais ou físicas, para o desenvolvemento dunha actividade, cooperativizando a prestación de traballo. Proporcionan os socios e socias postos de traballo e producen en común bens, como poden ser mobles, roupa, etc., e servicios, como pode ser o asesoramento laboral para terceiras persoas. Poden constituírse e funcionar cun mínimo de tres socios e socias.

Cooperativas de consumidores-as e usuarios-as.
Asocian a persoas físicas e nalgún caso xurídicas, por exemplo un concello, e teñen como obxecto obter bens e servicios para o consumo e uso dos socios-as, sempre nas mellores condicións de calidade, prezo e información dos productos.
Algunhas das modalidades deste tipo de cooperativa pasan por:

  • Subministrar elementos da economía doméstica como electrodomésticos, alimentos, mobles, etc.
  • Prestar servicios como por exemplo restaurantes, transportes, hospitalización, seguros, etc.
  • Subministros especiais como a auga, o gas ou a electricidade dunha cidade.
  • Aforro polo consumo como pode ser a creación dunha cooperativa co fin de comprar e distribuílos libros de texto ós escolares dun ou varios centros.
  • Subministro, servicios e actividades para o desenvolvemento cultural.

Cooperativas de servicios.
Este tipo de cooperativas asocia a persoas físicas e xurídicas que sexan titulares de:

  • explotacións industriais.
  • explotacións de servicios.
  • a profesionais.
  • a artistas.

e que exerzan a súa actividade por conta propia.
As persoas promotoras destas cooperativas asócianse para prestar subministros (maquinaria, abonos, etc.) e servicios (transporte, distribución, comercialización, etc.), así como para a producción de bens, e a realización de operacións que favorezan económica e tecnicamente as actividades profesionais e as explotacións dos seus socios.

Cooperativas de vivenda.
Asocia a persoas físicas que precisan aloxamento, por exemplo unha vivenda, ou locais para unha oficina, instalacións complementarias á vivenda como pode ser unha piscina, e servicios complementarios, como unha gardería, así como a conservación de vivendas e a súa administración.

Cooperativas agrarias.
Une a persoas físicas e tamén xurídicas que son titulares dunha explotación:

  • agrícola.
  • forestal.
  • gandeira.

A súa finalidade e a de prestar subministros e servicios ós socios así como realizar operacións que melloren económica e tecnicamente as súas explotacións, e o desenvolvemento do medio rural en xeral.
A cooperativa agraria no seu funcionamento é semellante a unha cooperativa de servicios.

Cooperativas de explotación comunitaria da terra.
Asocia a:

  • persoas titulares de dereitos de uso e aproveitamento da terra.
  • persoas titulares doutros bens inmobles (instalacións, maquinaria, etc.).
  • persoas individuais que aportan traballo.

Tendo como finalidade a explotación agraria en común dos bens cedidos.

Cooperativas do mar.
As cooperativas do mar créanse para asociar a mariñeiros-as, armadores, cofrarías, mariscadoras-es, etc., que son titulares de explotacións pesqueiras ou industriais marítimo-pesqueiras. O seu funcionamento tamén é idéntico ó dunha cooperativa de servicios.

Cooperativas de explotación de recursos acuícolas.
Nestas cooperativas, os socios e socias, explotan os recursos acuícolas en común. As labouras de explotación abranguen dende a preparación da zona marítimo-terrestre ata a comercialización e distribución do producto cultivado.
Na súa regulación na LCG existe unha analoxía entre este tipo de cooperativas e as de explotación comunitaria da terra, coa particularidade neste caso de que as zonas de traballo son de dominio público e daquela para poder explotalas precísase un título administrativo habilitante concedido polo Estado.
Nestas cooperativas existen tres tipos de socios-as:

  • Os-as titulares de dereitos de uso e aproveitamento de bens (propiedade, arrendamento, cotitulariedade, parcería, ...), ou os-as que posúen títulos administrativos habilitantes (concesión, autorización, permisos de actividade e explotación) establecidos na Lei de Pesca de Galicia - Lei 6/1993 - . As confrarías de pescadores-as e as administracións públicas atópanse entre os posibles achegantes de títulos e dereitos.
  • Socios e socias que presten o seu traballo persoal na cooperativa que deberán posuír o título administrativo preciso para desenvolver a súa actividade, cando fose preciso.
  • Socios-as que achegan unha cousa e a outra, é dicir, por un lado títulos e dereitos e polo outro a prestación de traballo persoal na cooperativa.

Cooperativas de transportistas.
Asocia a persoas físicas ou xurídicas titulares de empresas de transportes ou profesionais que exerzan a actividade de transporte de persoas, cousas ou mixtas. Teñen por obxecto prestar servicios e subministros así como á realización de operacións encamiñadas ó melloramento económico e técnico das explotacións dos socios.
Este tipo de cooperativas teñen as seguintes modalidades:

  • As que asocian a empresas de transportes (persoas xurídicas), funcionarán como unha cooperativa de servicios.
  • As que asocian a persoas físicas ou naturais funcionarán como unha cooperativa de traballo asociado.

As cooperativas de transportistas poderán realizar aquelas actividades para as que se atopen expresamente facultadas pola Lei 16/1987, do 30 de Xullo de Ordenación dos Transportes Terrestres, e nos termos que a mesma estableza.

Cooperativas de seguros.
Asocia a persoas físicas e/ou xurídicas que exercen a actividade aseguradora. Poden traballar en dita actividade mediante algunha das seguintes modalidades:

  • Asociando a persoas físicas e xurídicas que teñen como fin cubrir en común os riscos asegurados dos socios, funcionando como cooperativas de consumidores-as e usuarios-as.
  • Asociando só a persoas físicas que aportan o seu traballo adicándose á actividade aseguradora, cubrindo riscos a calquera asegurado. Neste caso estamos falando dunha cooperativa de seguros de traballo asociado.

Estas cooperativas rexeranse pola Lei 30/1995, do 8 de Novembro de Ordenación e Supervisión dos Seguros Privados, e as súas normas de desenvolvemento, e con carácter supletorio pola Lei de Cooperativas de Galicia.

Cooperativas sanitarias.
Son cooperativas sanitarias as que teñen por obxecto desenvolver actividades sanitarias nas súas distintas modalidades de seguros a prima fixa, de traballo asociado ou de consumidores-as e usuarios-as poderán realizar con carácter complementario actividades coñexas ou que facilitan o seu obxecto principal.

  • Son cooperativas sanitarias de seguros as que a actividade empresarial consiste en cubrir, a prima fixa, riscos relativos á saúde dos asegurados-as e beneficiarios delas, resultándolles aplicable a normativa establecida para as cooperativas de seguros.
  • Son cooperativas sanitarias de traballo asociado as formadas por profesionais da saúde (médicos-as, enfermeiros-as, etc.) e persoal non sanitario (administrativos-as, telefonistas, limpiadores-as, etc.), séndolles aplicables as normas establecidas para as cooperativas de traballo asociado.
  • Son cooperativas sanitarias de consumidores-as e usuarios-as integradas por persoas físicas e xurídicas co fin de obter asistencia sanitaria para eles mesmos-as, ós seus familiares e, se é o caso, ós seus traballadores e traballadoras, a través de establecementos sanitarios, resultándolles aplicable, ademais da lexislación sanitaria, a normativa establecida para as cooperativas de consumidores-as e usuarios-as.

Cooperativas de ensino.
As cooperativas de ensino son aquelas que desenvolven a actividade docente e poden ter as seguintes modalidades:

  • As que asocian ós pais e nais do alumnado, os seus representantes legais ou o propio alumnado. Esta modalidade de cooperativa de ensino funciona como unha de consumidores-as e usuarios-as.
  • As que asocian a profesores-as e persoal non docente e de servicios, que sendo outra modalidade de cooperativa de ensino funciona como unha de traballo asociado.

Cooperativas de crédito.
As cooperativas de crédito regúlanse con arranxo á Lei 13/89 de 13 de Maio, así como pola lexislación sobre as entidades de crédito en xeral. Tamén lles resultan aplicables con carácter supletorio a Lei de Cooperativas de Galicia e as normas que a desenvolvan.
Estas cooperativas nacen para servir as necesidades financeiras dos seus socios-as e de terceiras persoas, exercendo actividades propias das entidades de crédito. Poden realizar toda clase de operacións (activas, pasivas, e de servicios) pero preferentemente atendendo as necesidades financeiras dos socios.

Cooperativas de integración social.
Asocian maioritariamente a persoas naturais de colectivos excluídos (extoxicómanos-as, disminuídos-as psíquicos-as ou físicos-as, prostitutas, expresidiarios-as, minorías étnicas, etc.) así como ós seus titores ou titoras e persoal de atención.
Son cooperativas que teñen por obxecto a prestación de servicios educativos, asistenciais, laborais e sanitarios, así como o desenvolvemento de calquera actividade económica coa que poidan integrarse laboralmente persoas que sufren calquera clase de exclusión social.

Cooperativas de servicios sociais.
Asocia a persoas físicas, que prestan o seu traballo na cooperativa, podendo participar como socias:

  • As administracións ou entidades públicas.
  • Os axentes sociais (sindicatos, asociacións de veciños e veciñas, etc.) colaboradores da prestación de servicios sociais.

Teñen por obxecto a prestación de todo tipo de actividades e servicios sociais, públicos ou privados.

 

Rúa Fernández Villaverde, 4-1º A, of. 3-4 · 36002 PONTEVEDRA

Tel. +34 986 896 526 · Fax +34 986 896 525

 

Travesía de San José, 10 Entreplanta A · 15002 A CORUÑA

Tel. +34 881 887 456

sinerxia@sinerxia.org

©www.galizia.net.