Opinión

Por que un estudio onde analizar os procesos de emprendemento nas cooperativas de traballo asociado en Galiza?.

(O Programa Configura)

A finais do ano 2003, publícase o “Libro Branco do Cooperativismo en Galicia” e nel póñense de manifesto uns datos altamente preocupantes:

  1. A elevadísima taxa de mortalidade das cooperativas de traballo asociado.
  2. Unha redución sustancial do número de cooperativas creadas desde o ano 2000.

Dentro do Plan Estratéxico para o Cooperativismo Galego estrutúranse unha serie de liñas de traballo de cara ao bienio 2005/06 que pretenden precisamente mellorar os procesos de creación e consolidación das novas cooperativas e, consecuentemente, reducir os índices de mortalidade infantil das mesmas , estabelecendo unha política asistencial previa á posta en marcha do proxecto. Pero, son suficientes as medidas propostas neste Plan ?

Con estos antecedentes, en 2004 desde a Unión de Cooperativas de Traballo Asociado EIXO, decidimos promover un programa de investigación denominado CONFIGURA, cuxos resultados presentamos de forma pública nunha xornada celebrada Vigo e nunha memoria publicada, co obxectivo de procurarmos e identificarmos cualitativa e cuantitativamente as dificultades dos/as emprendedores/as cooperativos/as de traballo asociado en Galiza, á hora de poren en marcha un proxecto empresarial constituido entre 2001 e 2003, para con posterioridade elaborar unha estratexia que permita fomentar o nacemento de novas cooperativas de traballo asociado en maior número e mellores condicións, e consolidar as mesmas os primeiros anos de vida. Tamén procúrase definir unha serie de vacinas que contrarresten e minoren os riscos que supón a incursión no mercado deste tipo de sociedades.

A inextimable colaboración das cooperativas que participaron neste programa foi imprescindible, así como de entidades e personas que de forma desinteresada colaboraron nos paneis de expertos/as desenvolvidos no decurso da investigación e na xornada de presentación da mesma :

  1. Manuel Pérez Losada (Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais).
  2. Ana Rosa Lorenzo Vila (Socia traballadora de Cidadania Rede de Aplicacións Sociais S. Coop.Galega, e especialista en organización cooperativa).
  3. Jorge Fente Balsa (Socio Traballador de Cidadanía Rede de Aplicacións Sociais, S.Coop.Galega).
  4. Constantino Gago Conde (Socio de Xedega, S. Coop. Galega e consultor de cooperativas de traballo asociado)
  5. Mar Pernas Márquez (Xerente da Unión de Cooperativas de Traballo Asociado UGACOTA).
  6. Manuel Rivera Iglesias (Socio de Asociación de Economía Social Briante e especialista en cooperativismo e desenvolvemento local).
  7. Isabel Sánchez Cabanelas (Letrada da Federación de Cooperativas SINERXIA).
  8. Xose Lois Lamazares Vence, (Consultor cooperativo e axente de desenvolvemento local do Concello de Pontevedra 1999-2004).
  9. Carlos Palleiro Alvárez ( Director do Instituto de Desenvolvemento de Caixanova).

Tamén, cómpre sinalar que o traballo de campo foi realizado por CIDADANIA, S.Coop.Galega e na coordinación e dirección do proxecto prestounos a súa colaboración

Ramón Carmelo Rodríguez Padin (Técnico de SINERXIA).

 

A seguir expoñemos as posíbeis liñas de actuación que se derivaron do estudio.

Como medidas de actuación para fronte a este diagnóstico desde o panel de expertos propóñense as seguintes

  • Sería prioritario chegar, desde as entidades do cooperativismo, aos programas de Formación Continua; porque podería producir un achegamento a xente que pode ter unha posíbel demanda de asesoramento sobre a creación de cooperativas, así como unha experiencia laboral favorecedora. Complementariamente, incorporarse aos programas de Formación Ocupacional, para promover, igualmente, o emprendemento empresarial no ámbito cooperativo.
  • Reitérase a necesidade de que o mundo cooperativo chegue ao ámbito das asesorías e xestorías, así como ao conxunto de axentes que informan aos promotores de proxectos de empresa cooperativa.
    1. Coméntase o caso da Comunidade de Murcia, na que as asociacións do cooperativismo teñen establecido convenios coas xestorías.
    2. Enténdese que é un problema común entre asesorías/xestorías un certo descoñecemento da natureza e funcionamento das cooperativas; o que demanda dunha reciclaxe dos seus integrantes; cando menos no que se refire ao plano xurídico e contábel das cooperativas.
  • No momento actual é necesario potenciar a creación de estruturas de intercambio nalgúns sectores do cooperativismo, nomeadamente, o caso de moitas cooperativas agrarias, que van morrendo, entre outras cousas, porque non apostan pola creación de novas actividades económicas, nun marco de crise das activades agrarias.
  • Potenciar o cooperativismo como unha consecuencia da existencia de “redes sociais” de apoio.
  • É necesario que se prestase, desde as asociacións do cooperativismo, unha maior atención ao ámbito dos técnicos municipais, estabelecendo convenios que teñan en conta os intereses destes técnicos, e poidan aportar orientacións complementarias para a creación das empresas cooperativas. Un dos posíbeis contidos destes convenios poderían ser a potenciación da formación continua en cooperativismo, economía social, titorización de proxectos e dinamización social destes técnicos. Outras medidas adicionais dirixidas ás axencias de desenvolvemento local (ADL´s) dos concellos serían a creación dunha rede de axencias de desenvolvemento local con estruturas de intercambio co asociacionismo no eido da economía social.
  • Potenciar a fórmula cooperativa como alternativa para colectivos con dificultades de inserción laboral primando o criterio da viabilidade, máis que calquera outro de carácter máis político, establecendo convenios coa Administración e competindo en igualdade de condicións, polo que deberan establecerse incentivos que favorecesen a súa inserción no mercado.
  • Outra cuestión central é a necesidade de que os proxectos de creación de cooperativas teñan un acompañamento profundo, longo e continuado no tempo, desde antes do proceso de constitución da empresa cooperativa, e que lles oriente na elaboración de elementos tan centrais como o plan de empresa, a toma de decisións, os pactos organizativos e o contraste das ferramentas analíticas e de xestión, é unha vía clara para a promoción e construción dunha cultura axeitada ao modelo empresarial que nace, adaptando a dimensión inicial ás necesidades reais do proxecto.
  • Neste sentido, formúlase que un proceso de acompañamento ao nacemento dunha empresa cooperativa debera ter un carácter moi especializado, e seguir as seguintes fases xenéricas:
    1. Fase previa: asentando a idea nun proceso de maduración.
    2. Fase de creación: asentando a idea nun proxecto de empresa que identifique os factores da súa viabilidade; e deseñando un organigrama empresarial que atenda a todas as súas necesidades.
  • Ante o custe que pode ter o desenvolvemento dun proceso destas características, as cooperativas deberan pensar en mancomunar servizos.
  • Ao respecto das axudas existentes á creación de empresas cooperativas valórase que é necesario axilizar os trámites administrativos, e mellorar as previsións de tesourería que se realizan desde a Administración. E, tamén, conformar outras liñas de reforzo ás axudas, como pode ser que a Administración poida avalar diante dunha entidade bancaria as subvencións que teña concedidas e aprobadas.
  • A Administración Pública tamén debera incrementar a dimensión orzamentaria para o asesoramento-formación nos procesos de creación e consolidación de novas cooperativas, contemplando a viabilidade dos proxectos e a inclusión dos promotores nun proceso formativo e/ou de asesoramento-acompañamento continuado, como algúns dos criterios centrais á hora de conceder subvencións, primando, deste xeito, “a calidade sobre a cantidade” .
Consello de redacción:Equipo técnico de Sinerxia e Eixo, Consello reitor de Sinerxia, e equipo de colaboradores-as.
O consello de redacción desta revista respecta a liberdade de expresión e non se fai responsábel dos contidos dos artigos asinados.