O asociacionismo de traballo asociado, a Unión de Cooperativas de Traballo Asociado Eixo, traballa pola promoción do emprendemento dende un enfoque cooperativo a través da implementación de programas como este, Aprender a Emprender procura introducir pautas e coñecementos que abran horizontes novos, outras opcións de empregabilidade no marco laboral.
É unha experiencia piloto que quere achegar aos centros de formación regrada que o demanden o modelo cooperativo, a experiencia destas, e poñer a disposición do alumnado -como lugar de práctica profesional- o espazo empresarial cooperativo.
Con este motivo celebrouse unha Xornada de Presentación dirixida a institutos de ensinanza secundaria e cooperativas para difundir o proxecto, quedando constancia neste encontro do seu carácter tanto experimental como aberto a adaptarse ás diferentes necesidades manifestadas polos institutos. Aprender a Emprender nace como un programa con continuidade e pretende ir incorporando posteriormente elementos cada vez máis novidosos e diferenciadores respecto das programacións e enfoques que o profesorado dos centros ofrece sobre esta materia, configurándose como complementario ao traballo que estes realizan.
En definitiva, adaptar o programa aos centros, mellorándoo e consensuándoo xunto coas achegas e experiencia dos centros.
Quen pode participar e beneficiarse do programa?
1. Por un lado, o alumnado de centros de ensino medio que realicen estudos de formación profesional ben participando nas actividades formativas de difusión e fomento do emprendemento cooperativo e/ou realizando as prácticas profesionais en cooperativas (a denominada Formación en Centros de Traballo, FCT).
A programación nos centros xa deu comezo e continuamos recollendo demandas e executando accións formativas.
2. Por outro lado, as cooperativas mediante o acollemento de alumnado en prácticas e/ou tamén a través da súa participación nas actividades formativas dirixidas ao alumnado presentando nos centros a súa experiencia como empresa.Os períodos de prácticas son de abril a xuño e de setembro a decembro de cada ano académico.
Na web de Eixo existe información do programa, http://www.eixo.info, destacamos o documento que comenta as condicións da FCT, por así dicilo, os dereitos e as obrigas para os diferentes axentes implicados (o centro de ensino, a cooperativa...), que atopará na sección: Fases do Programa-Xornada de Presentación-Ponente 2.
Se a súa cooperativa quere acoller alumnado en prácticas, que pasos debe dar?:
1. Definir o perfil de estudante en prácticas que necesita a cooperativa.
2.Contactar co centro de ensino medio máis próximo que imparta a especialidade formativa requirida para demandarlle alumnado e formalizar as prácticas (contactar co/a orientador/ora laboral, docente de Formación e Orientación Laboral (FOL), director/ora...).
3. Utilice ferramentas como:
Para coñecer as especialidades formativas que imparten os IES e valorar se a súa cooperativa estaría interesada en solicitar alumnado en prácticas: visite a web www.edu.xunta.es, entre na sección Centros, logo, no apartado de Utilidades, entre en Consulta de Centros.