Finanzas Alternativas
Nas seguintes liñas preténdese divulgar unha serie de ferramentas no eido financeiro nadas a través de diversas iniciativas sociais, que denominamos finanzas alternativas, e que tentan alongar o abano de posibilidades de aforro e investimento que procuren unha finalidade máis social que monetaria e ofrezan canles alternativas ás persoas e organizacións defraudadas co emprego que se fai co seus aforros. Este artigo tamén pretende afondar nun debate no ámbito galego, para fortalecer unha estratexia de traballo nesta liña desde o sector do cooperativismo e a economía social e alternativa.
QUE SE ENTENDE POR FINANZAS ALTERNATIVAS?
Conxunto de proxectos alternativos ás entidades bancarias en operacións de investimento e solicitude de préstamos, co fin de pular por unha sociedade baseada na cooperación e non polo individualismo económico.
Unha das motivacións que dá lugar a estas iniciativas é a necesidade de financiamento por parte de proxectos de economía social, que o sistema financeiro convencional non fornece. Por outro lado, existen persoas e colectivos que consideran que estes proxectos si terán efectos positivos na sociedade e apóianos co seu diñeiro. Daquela, estabelécese unha ligazón entre proxectos e aforradoras. Alén do anterior, estas iniciativas de financiamento realizan un labor de asesoramento e divulgación no ámbito da economía social e as finanzas alternativas.
As entidades prestamistas son, nomeadamente, de pequena dimensión e de ámbito local. O coñecemento destas prodúcese polo "boca a boca" e redes de colectivos.
COMO SE XESTIONAN OS RECURSOS FINANCEIROS?
O principio de transparencia é fundamental nestas iniciativas. A diferenza do que ocorre no sistema financeiro convencional, as persoas e colectivos participantes nestas iniciativas están informadas de onde procede e a que se destinará o diñeiro.
Para a concesión do préstamo avalíanse os proxectos desde o punto de vista económico, social e ecolóxico. Esta avaliación realízase por unha ou varias comisións cuxos resultados son aprobados pola xunta directiva e/ou a asemblea conformada polas prestamistas e, ás veces, polas prestatarias.
A maioría dos proxectos financiados devolven os préstamos concedidos. No caso contrario, adóitanse negociar aprazamentos. Pódense tomar medidas legais no caso de que se comprobe ausencia de interese para devolver o préstamo.
COMO SE SOLICITA O FINANCIAMENTO?
O financiamento destas iniciativas diríxese a organizacións de economía social (cooperativas, empresas de inserción, proxectos ambientais, colectivos en risco de exclusión social...).
O primeiro paso é certificar que o proxecto é viábel tendo en conta a responsabilidade das solicitantes e unha serie de parámetros técnicos. Existen iniciativas que solicitan aval e outras que non. No primeiro caso, procúrase que se presenten de forma colectiva. O xuro que é preciso aboar polo préstamo, en xeral, adoita ser o IPC.
COMO SE INVISTE O DIÑEIRO?
Pode ser investidora destas iniciativas calquera persoa e colectivo. Os investimentos poden ir dirixidos a un fondo común ou a un proxecto concreto, tendo sempre información do seu destino. Priorízase que os proxectos que se financien melloren o benestar na sociedade, é dicir, que teñan rendibilidade social. Hai iniciativas que remuneran os investimentos cun xuro igual ao IPC. En xeral, o diñeiro investido pódese recuperar en calquera momento e sen custos, mais hai iniciativas na que a retirada antes do prazo comprometido supón a perda de xuros.
EXPERIENCIAS DE FINANZAS ALTERNATIVAS
En España existen experiencias no ámbito das finanzas alternativas en diversos territorios. Destaca, en Andalucía, a cooperativa IDEAS, que se dedica á distribución de produtos de comercio xusto (www.ideas.coop); en Catalunya a cooperativa de servizos financeiros, Coop57 (www.coop57.coop); en Madrid o Grupo de Apoyo a Proyectos (GAP) (www.proempleo.org/gap.htm); nas Illas Canarias a Red Anagos (www.redanagos.org) e en Nafarroa REAS Navarra (www.reas.net). As anteriores e outras iniciativas de finanzas alternativas procuran a súa coordinación a nivel estatal a través da Rede de Útiles Financeiros Alternativos (RUFAS) (www.reas.net) .
Na Galiza non existen experiencias consolidadas de organizacións que funcionen baixo os principios antes expostos, mais hai interese por parte de varios colectivos sociais (cooperativismo, comercio xusto...) de iniciar e consolidar iniciativas de finanzas alternativas. Agardamos que así sexa.