Entrevista

Pegadas, cooperativa dedicada á xestión cultural e dixital; deseño, serigrafía e rotulación.

Ofrecen servizos integrados ou por separado para un proxecto ou evento. Apostan polo cooperativismo como modelo acaído aos valores que promoven na súa actividade: respecto ao medio, comercio xusto ou traballo digno.

1. Como e por que xorde Pegadas, cal é a vosa traxectoria?

Pegadas xorde despois de que dous dos seus socios, estiveran contemplando a posibilidade de unirse a outro proxecto que non foi adiante. Nese tempo, fóronse instruíndo en temas cooperativos e convencéndose da necesidade de captar outra persoa máis para poder constituírse como cooperativa, para darlle forma e ultimar un proxecto no que se pretendía ofrecer un servizo global e integral de xestión cultural, serigrafía e deseño.

Máis adiante sumouse outro socio ao proxecto, achegando novas ideas e o seu traballo, complementario e básico na oferta de servizos de xestión: a xestión dixital, xa que incide no desenvolvemento da idea inicial de ofertar un servizo integral para empresas que queren chegar a un número maior de clientes.

2. Quen forma a cooperativa, e por que elixides constituírvos en empresa cooperativa?

Pegadas está integrada por catro persoas socias:

  • Juan Carlos Dobarro Alves
  • Susana Peña Liaño
  • Miguel Iglesias Fernández
  • José Luis Vilar Chorén.

A decisión de constituírmonos como sociedade cooperativa veu pola convicción das catro persoas nos valores cooperativos e, sobre todo, pola fórmula de autoemprego que ofrece.

3. Que servizos e/ou produtos ofrecedes e que credes que vos diferencia e vos pode dar valor engadido como proxecto empresarial?

No eido da serigrafía: labores de deseño, serigrafiado e estampación sobre todo tipo de materiais.

  1. Serigrafía téxtil sobre calquera tipo de tecido: algodón, poliéster, nylon, punto etc. (roupa laboral, uniformes, camisetas, polos etc.).
  2. Serigrafía de reclamo publicitario para o que contamos cun amplo abano de catálogos con artigos de todo tipo (bolígrafos, acendedores, calendarios, axendas etc.).
  3. Placas de sinalización para exteriores e interiores.
  4. Autoadhesivos, toldos e lonas.
  5. Realización de series de cadros en serigrafía.
  6. Aplicación de tránsfer e vinilo téxtil.
  7. Aplicación de vinilo.
  8. Realización de estampados da propia marca en roupa e complementos..
  9. Complementación da nosa sección de xestión cultural, proporcionando todo o anteriormente citado para a realización de eventos.

No eido da xestión cultural:

  1. Deseño e montaxe de exposicións.
  2. Organización e xestión de actos culturais: concertos, conferencias, cursos, xornadas, certames, festas, excursións etc.
  3. Programación cultural de institucións, tanto públicas como privadas.
  4. Elaboración e xestión de proxectos culturais, de dinamización turística, de desenvolvemento local...
  5. Xestión de espectáculos, produción cultural.

Na xestión dixital:

  1. Dominios e hosting
  2. Deseño e aplicacións
  3. Posicionamento web
  4. Promoción e publicidade
  5. Envíos masivos email, sms e fax
  6. Sms de pago, márketing sms
  7. Hosting gratuíto para páxinas en galego, dentro dunha campaña global de apoio tecnolóxico ao tecido sociocultural e empresarial galego.

O valor engadido como proxecto é a oferta integral de servizos, a xestión conxunta dun proxecto de márketing.

4. Cales foron e/ou son os obstáculos e apoios máis relevantes para levar adiante este proxecto?

Os obstáculos: a propia Administración, que pon todo demasiado difícil, máis preocupada pola burocracia que polo desenvolvemento do país.

Os apoios: SINERXIA, en concreto CONSTANTINO GAGO, que exerceu de titor do noso proxecto. A A. C. Alexandre Bóveda, que nos cedeu as súas instalacións cando non eramos máis que un proxecto.

5. Cales son os vosos retos de futuro ao nivel cooperativo e ao nivel da actividade empresarial que desenvolvedes?

Principalmente, atopar novas/os socias/os que estean interesadas/os no proxecto e expandir a nosa actividade a toda a xeografía galega.

A meta, ao nivel da produción, sería poder cubrir todo o proceso de deseño, fabricación e impresión dos soportes publicitarios e ofrecelos a prezos competitivos; chegar a todos os elos do proceso produtivo para acadar as máximas cotas de calidade e estender o cooperativismo a todos os ámbitos e procesos.

Tamén facer ver á xente que unha cooperativa non ten porque ser só agraria (principal sector cooperativo en Galiza, exemplo para seguirmos), que xuntar esforzos está na man de todas as persoas que loitan por conseguir un traballo digno, por obter unha formación adecuada aos seus postos de traballo e por desenvolver a economía do noso país.

6. Queredes engadir algo máis?

Queremos agradecer a confianza que depositaron en nós todas as entidades, cooperativas e outras empresas neste noso primeiro ano de vida.

Saúdos e cooperación!!!

GRAZAS POLA DISPOÑIBILIDADE E A COLABORACIÓN

 

Consello de redacción:Equipo técnico de Sinerxia e Eixo, Consello reitor de Sinerxia, e equipo de colaboradores-as.
O consello de redacción desta revista respecta a liberdade de expresión e non se fai responsábel dos contidos dos artigos asinados.