O anuncio por parte do novo Goberno galego da convocatoria dunha mesa para o diálogo social, na que ademais de representantes de empresariado e sindicatos, con certeza estará presente o cooperativismo e a economía social de Galiza, vén cumprir unha vella arela da Federación de Cooperativas SINERXIA e das Unións e Cooperativas ás que representamos.
Sen dúbida, o cooperativismo non pode permanecer á marxe dos espazos e foros onde se fale de emprego, estabilidade laboral, prevención de riscos, formación etc. Neste sentido, non podemos esquecer que, segundo os datos do Libro Branco do Cooperativismo Galego, este supón o 2% do total da poboación ocupada galega, que contribúe á estabilidade no emprego ao acadar cotas case do 90% do total do emprego creado no sector. Así mesmo, o nivel de implicación dos cadros de persoal nas cooperativas galegas é maior que nas empresas de natureza mercantil, onde existen ademais procedementos legais para a súa conversión en socios ou socias (no caso do cooperativismo de traballo asociado).
Porén, o cooperativismo galego ten aínda unha insuficiente presenza e unha escasa visibilidade social o que fai máis urxente a súa presenza en foros como este, de xeito que se coñezan e valoren as súas potencialidades. Vai sendo hora de que o terceiro sector deixe de ser tratado como un axente social e económico menor de idade e reclame o protagonismo que lle outorga a súa crecente importancia en todos os ámbitos da sociedade galega, porque as cooperativas estamos presentes en todos os sectores e en todas as actividades: agricultura, mar, produción, industria, servizos, consumo etc.
Desde o cooperativismo galego traballouse arreo na elaboración de estratexias de desenvolvemento que teñen que ver coa formación, o I+D+i, a intercooperación, a responsabilidade social empresarial, a prevención de riscos laborais, a igualdade de oportunidades etc. É preciso que estas medidas e outras que se poñan en marcha estean coordenadas e consensuadas co resto de axentes sociais, para que non ocorra unha vez máis sermos “navegantes en solitario”. Desde a Federación de Cooperativas SINERXIA, cónstanos que tamén desde o resto de asociacións e unións representativas, a través do Consello Galego de Cooperativas, estamos desexosos/as de poder participar nestas mesas para poder facer as nosas achegas, escoitar as do resto de axentes, dialogar e colaborar. Temos o convencemento de que será un proceso construtivo onde todos e todas sairemos gañando.