Valoración e conclusións do Programa de Consumo promovido pola Federación de Cooperativas Sinerxia : Ciclo de Xornadas de Fomento do Cooperativismo de Consumo en Galicia.
A seguir, expóñense as conclusións do dito programa, que ten carácter de continuidade, promovido pola Federación de Cooperativas SINERXIA en colaboración das cooperativas de consumo consciente Arbore e A Xoaniña e a Asociación de Economía Social Briante, tendo en conta os obxectivos, contidos, metodoloxía e destinatarias do mesmo. Tamén se emprega para realizar as mesmas os formularios de avaliación remitidos polas participantes ás xornadas realizadas. A este respecto, os eventos celebrados ascenderon a tres (Cangas do Morrazo; A Coruña e Ferrol).
- A respecto dos obxectivos, en xeral, facemos unha valoración satisfactoria no grao de cumprimento dos mesmos. A saber, o contacto con colectivos das localidades onde se desenvolveu o programa; a sementeira para a creación de redes de colaboración para a continuación do programa; a divulgación da cooperativa como fórmula socioempresarial, e de experiencias reais de cooperativas de consumidores/as da Galiza, e análise das posibilidades de desenvolvemento da fórmula cooperativa para autoxestionar o consumo en cada unha das localidades onde se desenvolveu o programa.
- O contacto cos colectivos realizouse, nomeadamente, tendo en conta as relacións previas das organizacións promotoras e colaboradoras do programa. Porén, tamén se alargou este contacto fóra deste círculo máis próximo. Os medios empregados foron o sitio web do programa; o correo-e; o folleto informativo do programa; e o teléfono. Participaron nas xornadas realizadas un total de 18 colectivos. A natureza dos mesmos correspóndese con asociacións de consumidores/as conscientes; organizacións ecoloxistas; asociacións de amas de casa; centros educativos; cooperativas; loxas de alimentación ecolóxica; asociacións xuvenís e culturais; centros sociais. O total de asistentes aproximado ás xornadas foi de 72 persoas (media de 18 persoas por xornada).
- Na totalidade das xornadas celebradas confirmouse a necesidade e o interese de continuar o desenvolvemento deste programa, coa implementación de novas fases, como a realización de talleres para a conformación de grupos promotores arredor de proxectos cooperativos nomeadamente no sector de comercio polo miudo de produtos ecolóxicos. Neste senso acadouse un acordo entre as organizacións promotoras e as persoas e colectivos asistentes, para a realización de novos contactos e dar continuidade ao programa. Con estes antecedentes, podemos afirmar que a semente para a creación de redes de colaboración dentro de cada localidade e entre elas está botada.
- Os contidos expostos nas xornadas realizadas coincidiron cos programados. Na parte práctica, a focaxe e debate realizouse nomeadamente arredor do sector do consumo de produtos ecolóxicos, previsíbel tendo en conta as experiencias cooperativas expostas. Mais tamén, se plantexou o debate sobre as posibilidades de organizar o consumo arredor dos servizos sociais e á comunidade. Outras temáticas obxecto de debate foron o proceso de creación dunha cooperativa deste tipo e como organizar o mesmo. En xeral, os contidos foron ben valorados polas persoas asistentes ás xornadas.
- A metodoloxía aplicada para o desenvolvemento dos contidos consistíu, nomeadamente, nunha breve exposición dos mesmos combinando imaxe gráfica con voz, mais organizando e potenciando unha mesa de debate sobre, por exemplo, os obxectivos, organización, proceso de creación dunha cooperativa deste tipo. Asemade, adquiríuse un compromiso por parte das entidades organizadoras do programa, para potenciar o sitio web do mesmo con materiais úteis no ámbito do cooperativismo de consumo para o reforzamento dos contidos, e a edición dunha memoria cos mesmos.
- Tamén se detectou un interese por parte das asistentes en alargar as temáticas a abordar referidas ao cooperativismo en cuestións sobre a responsabilidade social; o planeamento estratéxico e organización cooperativa.
- Como cuestións a mellorar valórase a necesidade de reforzar o grao de participación nesta temática doutra clase de cooperativas e asociacións veciñais e culturais, tendo en conta o carácter transversal do consumo, a súa experiencia para dinamizar procesos deste tipo e a baixa ou nula participación daquelas nas xornadas realizadas. De forma paralela, cómpre alargar o tratamento das temáticas relacionadas cos servizos á comunidade e a cultura, abordadas de forma insuficiente nas xornadas realizadas. Tamén intensificar os labores de contacto cos medios de comunicación, nomeadamente imprensa e radio, para publicitar estes eventos.
- Para alén doutros expostos nos puntos anteriores, como retos a acadar no futuro inmediato están a consolidación de grupos promotores e a realización da análise polo miudo de novos proxectos cooperativos de consumo consciente; a realización de novas xornadas divulgativas de presentación desta fórmula asociativa noutras localidades galegas; e a consolidación de ferramentas que faciliten estes procesos como o sitio web do programa e a edición de materiais sobre este temática.