A UCETAG foi fundada no ano 1988 entre cooperativas de ensino de toda Galiza, fundamentalmente nos niveis de EXB, BUP, educación infantil e formación profesional. Naqueles momentos, loitábase pola obtención de sistemas de financiamento da Administración.

Logo incorpóranse máis centros e a loita céntrase na obtención non só dos concertos educativos, senón tamén de subvencións aos investimentos nas novas instalacións que eran necesarias coa reforma educativa en marcha.

Desta etapa, habería que subliñar a conquista das subvencións e xuros a préstamos que alcanzaron no conxunto das cooperativas un total de máis de 100 millóns de pesetas.

Despois desta etapa activa e ilusionante, a Unión pasou, nos anos 92 e 93, un momento baixo de actividade con remudas no seu consello reitor.

De novo, no ano 1994 renóvanse os órganos de dirección e comézase unha nova etapa, onde se debe facer fronte a novos retos e, para isto, necesitouse o apoio e a participación de todas as cooperativas de Galiza.

Porque o noso obxectivo pasa por fortalecer o asociacionismo no sector do ensino dentro dun marco máis amplo e necesario, que é o resto das cooperativas e empresas de economía social.

Dentro dos obxectivos que se perseguían a medio e a curto prazo, hai varias liñas de actuación centrais:

  • Fortalecer o movemento cooperativo de ensino.
  • Desenvolver o proxecto SINERXIA.
  • Estabelecer as relacións coas distintas consellarías, a patronal e os sindicatos para desenvolver o papel de patrón do sector que por capacidade representativa nos corresponde.
  • Seguir coa actividade formativa, da que temos unha boa mostra no traballo levado a cabo até agora.
  • Pór en funcionamento un servizo de xestión e asesoramento fiscal, contábel e xurídico que sexa profesional, específico e de custo razoábel para as cooperativas.
  • Levar a cabo cantos proxectos ou ideas sexan posíbeis no marco do asociacionismo cooperativo e a economía de escala.
  • Apostar pola edición de libros, tanto de temática cooperativa como de calquera outra (cultural, científica, literaria, etc.).

Nos seguintes anos, a UCETAG, cun número de cooperativas asociadas que supera as 20 e un índice de representatividade superior ao 80%, sumou ás liñas mencionadas a aplicación das novas tecnoloxías nas aulas, facilitou a introdución de Internet nas escolas e abriu, ao mesmo tempo, unha liña de investigación sectorial que cristalizou no estudo As cooperativas de ensino no cambio de milenio. Neste último proceso, cumpriu un papel moi importante a celebración do III Congreso de Cooperativas de Ensino, en novembro de 1999.

Coa chegada da presente década, prodúcese tamén un achegamento da Unión cara a obxectivos que teñen unha repercusión máis especificamente empresarial, como son a comercialización conxunta dos campamentos de verán, o asesoramento en materia de seguros, informática, a elaboración de software de xestión organizativa escolar, así como o deseño dun programa integral de calidade, que leva en funcionamento desde o ano 2000. Desde o punto de vista das comunicacións cos socios e coas socias, resulta imprescindíbel facer mención ao web www.ucetag.org, como auténtico elemento dinamizador e de enlace dentro da nosa organización.

Desenvólvese no ámbito autonómico e xunta cooperativas de traballo asociado no sector do ensino de toda Galiza.

Está integrada na Unión Española de Cooperativas de Ensinanza (UECOE) e é membro do seu consello reitor que, pola súa vez, é membro da CEPES (Confederación Empresarial Española da Economía Social)

É socia promotora da Federación de Empresas Cooperativas SINERXIA, de ámbito galego, da que forma parte do seu consello reitor.

 

UNIÓN DE COOPERATIVAS DE TRABALLO ASOCIADO DE GALICIA UCETAG
Rúa Fernández Villaverde, 4 - 1º A, Of. 3
36002 Pontevedra
Tel.: 986 866 149 - Fax: 986 896 525
E-mail:  info@ucetag.org 
Web:  www.ucetag.org