A través deste evento búscase fomentar a implantación en Galicia deste ámbito do cooperativismo, apoiar a súa organización interna e favorecer o traballo conxunto con outro tipo de cooperativas

  O PRÓXIMO 29 DE OUTUBRO PONTEVEDRA ACOLLERÁ A
I XORNADA GALEGA DE COOPERATIVISMO DE CONSUMO

LUGAR DE CELEBRACIÓN: Pazo da Cultura de Pontevedra
DATA DE CELEBRACIÓN: Venres, 29 de outubro de 2004
HORA DE CELEBRACIÓN: 09.30 h. (inauguración).
ENTIDADES ORGANIZADORAS: HISPACOOP - SINERXIA - AGACA
MÁIS INFORMACIÓN: Ramón C. Rodríguez (SINERXIA) 986 896 526
Héctor Cajaraville (AGACA) 981 584 783

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2004.- A Confederación Española de Cooperativas de Consumidores e Usuarios (HISPACOOP), a Federación de Empresas Cooperativas SINERXIA e a Unión de Cooperativas Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA) organizan conxuntamente e por primeira vez en Galicia unha xornada técnica centrada no cooperativismo de consumo, unha forma de asociacionismo na que un grupo de consumidores e usuarios se organizan colectivamente para obter produtos máis económicos e de maior calidade, defender con máis forza os seus dereitos ou fomentar un determinado tipo de consumo, sempre desde os criterios da responsabilidade e a racionalidade.

Coa celebración desta xornada búscase acadar unha serie de obxectivos, entre os que cabe destacar os seguintes:

- Divulgar as características da fórmula cooperativa para organizar e potenciar o consumo e posibles medidas de promoción en Galicia.

- Realizar un diagnóstico xeral da situación do cooperativismo de consumo en Galicia e España.

- Procurar unha maior visibilidade do cooperativismo de consumo diante das Administracións Públicas en Galicia.

- Abordar do papel que pode desempeñar o cooperativismo en cuestións como a seguridade alimentaria, o consumo responsable e a información ao/á consumidor/a.

- Avaliar as posibilidades de deseñar estratexias de cooperación para artellar estruturas de representación e económicas do cooperativismo de consumo galego.

- Valorar as posibilidades de definir e/ou afortalar liñas de cooperación con potenciais aliados do cooperativismo de consumo como outras tipoloxías de cooperativas (agrarias, de traballo asociado, de vivendas...) asociacións de veciños/as, asociacións de consumidores/as e usuarios/as, etc.

- Divulgar experiencias do cooperativismo de consumo en novos ámbitos de actividade.

 

Un tipo de cooperativismo no que todos podemos participar

Non cabe dúbida de que nos últimos anos as necesidades e as esixencias dos/as consumidores/as experimentaron unha profunda modificación; o simple acto de adquirir un produto ou un servizo é agora unha decisión máis complexa e na que interveñen moitos outros condicionantes: como esta elaborado ese produto, que garantías nos ofrece, que impacto ten sobre o medio a súa elaboración, quen recibe o verdadeiro beneficio...

Así mesmo, a compra dun ben de consumo ou a contratación dun servizo son actos que esixen cada vez unha maior responsabilidade, tanto por parte do vendedor/a como do consumidor/a, e de todos os demais axentes que interveñen ata que ese produto chega ás nosas mans.

A cooperativa no ámbito do consumo, como organización democrática e participativa, pretende fomentar un consumo responsable e consciente, procurando ademais as mellores condicións de calidade e de prezo para os/as seu/súas socios/as, con transparencia informativa e económica da xestión que desenvolven.

Este sector do cooperativismo, aínda emerxente, ten diante de si unha serie de retos (presentación diante da sociedade en xeral, organización a nivel interno, colaboración con outros ámbitos do cooperativismo, representatividade e interlocución diante das institucións...) que é agora o momento de acometer.

Actualmente o cooperativismo de consumo en Galicia ten unha escasa implantación, e entre as entidades existentes non xurdiu aínda a iniciativa de unificar os seus esforzos a través dunha asociación representativa. Coa celebración desta xornada preténdese dar a coñecer á sociedade en xeral un tipo de cooperativismo do que, como consumidores/as que somos, podemos beneficiarnos todos/as.

Do mesmo xeito búscase que este evento sexa tamén un foro de debate que dinamice esta vertente do cooperativismo, e que anime á creación de novas iniciativas de asociacionismo de consumo ou mesmo da posta en marcha dunha asociación que agrupe e represente ás entidades existentes.

 

PROGRAMA DA XORNADA

09:00 h Recepción dos/as asistentes e entrega da documentación
09:30 h Inauguración da xornada
10:00 h

Relatorio: As vantaxes da fórmula cooperativa para organizar o consumo e diagnóstico do cooperativismo de consumo en España.

Relator: D. Ignasi Faura. Secretario Xeral de HISPACOOP

11:00 h Pausa-café
11:30 h

Relatorio: Competencias do Instituto Galego de Consumo e o seu papel de cara ás cooperativas de consumo.

Relatora: Dna. Mª Jesús Muñoz Chesa. Directora do Instituto Galego de Consumo

12:30 h

Mesa Redonda: Cooperativismo de consumo e consumo responsable.

Participantes:

- HISPACOOP

- Instituto Galego de Consumo

- Asociación de Amas de Casa e Consumidores de Pontevedra “ Rías Baixas”

14:00 h Xantar
16:30 h

Mesa redonda de experiencias cooperativas no ámbito do consumo.

Participantes:

- Consumo de produtos ecolóxicos: Consumo Consciente Árbore, S.Coop.Galega

- Seccións de consumo no cooperativismo agrario: Os Irmandiños, S.Coop.Galega

- Compra de produtos e servizos na economía social: Arç Intercooperaciò, S.C.C.L.

- Consumo de produtos culturais, educativos e lecer: Abacus, S.C.C.L.

- Servizos de comunidades de veciños/as: Gestiò Veïnal de Barri, S.C.C.L.

18:30 h Conclusións da xornada e clausura