
![]() |
Non cabe dúbida de que nos últimos anos as necesidades e as esixencias dos/as consumidores/as experimentaron unha profunda modificación; o simple acto de adquirir un produto, que garantías nos ofrece, que impacto ten sobre o medio a súa elaboración, quen recibe o verdadeiro beneficio... Así mesmo, a compra dun ben de consumo ou a contratación dun servizo son actos que esixen cada vez unha maior responsabilidade, tanto por parte do vendedor/a como do consumidor/a, e de todos os demais axentes que interveñen ata que ese produto chega ás nosas mans. A cooperativa no ámbito do consumo, como organización democrática e participativa, pretende fomentar un consumo responsable e consciente, procurando ademais as mellores condicións de calidade e de prezo para os/as seu/súas socios/as, con transparencia informativa e económica da xestión que desenvolven. |
Este sector do cooperativismo, aínda emerxente, ten diante de si unha serie de retos (presentación diante da socierare en xeral, organización a nivel interno, colaboración con outros ámbitos do cooperativismo, representatividade e interlocución diante das institucións...) que é agora o momento de acometer. Actualmente o cooperativismo de consumo en Galicia ten unha escasa implantación, e entre as entidades existentes non xurdiu aínda a iniciatva de unificar os seus esforzos a través dunha asociación representativa. Coa celebración desta xornada preténdese dar a coñecer á sociedade en xeral un tipo de cooperativismo do que, como consumidores/as que somos, podemos beneficiarnos todos/as. Do mesmo xeito búscase que este evento sexa tamén un foro de debate que dinamice esta vertente do cooperativismo, e que anime á creación de novas iniciativas de asociacionismo de consumo ou mesmo da posta en marcha dunha asociación que agrupe e represente ás entidades existentes. |
|